domingo, 27 de abril de 2014

UN VERÍN CF DE RÉCORD CONQUISTA OS CARRÍS (1-3).

Crónica UD BARBADÁS B 1 - VERÍN CF 3. 
31ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


Ante un Barbadás B reforzado con xogadores habituais nas convocatorias do primeiro equipo en Terceira, o Verín CF amosou onte nos Carrís competitividade, sacrificio e acerto anotador, ingredientes que o levaron a unha merecida victoria. Á espera do resto dos resultados dos equipos implicados no ascenso, o Verín CF acada o liderato provisional.

FICHA TÉCNICA
 

Pola UD Barbdás B xogaron Carlos, Javi Quevedo, Vilachá, Iago Quintairos, Aitor, Cuquejo (Noel Sueiro, min. 60), Alberto (Jua Suárez, min. 46, Sergio Nogueiras, min. 59), Padrón, Quique, Juanma e Ismael.
 

Polo Verín CF xogaron Jorge, Pablo Roca, Xurxo, Padín (Fran Martínez, min. 56), Mario, Iago Garrido, Eloy (Luis Vilachá, min. 49), Diego Soto, Pablo García (David Ginzo, min. 88), Luisito (Hugo, min. 65) e Quini Cotarelo (Unai, min. 80).

Arbitrou Juan Alberto Vázquez, asistido nas bandas por Cristina Prada Vázquez e Yago Casas Blanco. Amosou cartón amarelo a Padrón, da UD Barbadás B, e a Eloy, Padín e ó adestrador Iván González, do Verín CF.

CRÓNICA


Saiu a UD Barbadás B moi forte, con gañas de agradar ó seu público, e coa axuda engadida de contar con Iago Quintairos, Cuquejo e Quique, caras habituais no primeiro equipo azulón. Este último xogador, de gran mobilidade, obrigou ós verinenses a xogaren moi concentrados e esforzárense nas axudas defensivas. Juanma, de libre directo, e Padrón, probaron fortuna sobre a meta de Jorge, mais pasados os primeiros quince minutos de agobio inicial, o Verín CF conseguiu contrarrestar o empuxe local e comezou fabricar accións de perigo. No minuto 24 Luisito tivo a primeira boa ocasión verinense, e no 27, Pablo García batiu a Carlos tras un gran roubo de balón por banda e internada ata a área barbadense. Noqueou o gol ós locais, porque no minuto 29, un córner botado por Luisito foi rematado de cabeza á rede no primeiro pao por Quini Cotarelo, que segue o seu impresionante idilio co gol. Cun 0-2 en media hora, o Verín CF tiña franco o camiño da victoria, que cristalizou no primeiro minuto do segundo periodo, cun remate de Xurxo na área tras templar con calma pasmosa outro córner de Luisito e fusilar logo inapelable a Carlos. A intensidade do Verín CF dáballe o triunfo e o liderato provisional, e nada nos restantes corenta e cinco minutos de partido puxo en perigo o premio dos tres puntos, nin sequera o gol de Aitor, no minuto 67, tras un bo centro de Juan, que supuxo o tanto da honriña para os locais. Para os visitantes, unha nova victoria en liga, a sexta consecutiva en Liga. Dezaoito puntos consecutivos que refliten a gran madurez en tódolos aspectos do xogo deste Verín CF que quere entrar por todo o alto á Preferente Autonómica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario